Os
días 1 e 2 de novembro o Ateneo Libertario Lume Negro celebrou as súas VI
Tardes Libertarias, na casa dos veciños e veciñas de Angoares. Aproveitando que
nesta ocasión coincidiron co décimo aniversario da formación deste colectivo
ponteareán, o lema non podía ser outro que 10 anos de Lume Negro e aínda non estamos
queimados.
Na
segunda xornada destas tardes tivemos o pracer de contar coa asistencia de Miguel
Amorós que compartiu con nós a súa crítica á partitocracia e ó Estado, dende a
perspectiva anarquista.
Dende
Lume Negro valoramos de xeito bastante positivo estas VI Tardes Libertarias. A
primeira razón para facelo é o número de asistentes, o cal demostra o interese
suscitado polas temáticas escollidas. Outra razón de peso é o longo debate e as
intervencións xurdidas ó remate das charlas, que poñen de manifesto a expresa
implicación dos asistentes no desenvolvemento deste tipo de actos e as súas
inquietudes respecto de certas problemáticas actuais e as alternativas que se
orixinan a partir delas.
Como
aspectos negativos só temos que lamentar os problemas de carácter técnico que
sofremos durante a proxección da curta que, por causas alleas á nosa capacidade
organizativa e ó compromiso adquirido, non puidemos evitar. De feito, estade
atentos, porque en breve poderedes acceder a ela a través dun enlace que
publicaremos neste mesmo blog.
O
ateneo quere agradecer a tódolos que decidiron achegarse por alí e ós invitados
a súa asistencia e participación na celebración destas tardes; así mesmo tamén temos
que facer unha mención especial ó colectivo de veciños e veciñas de Angoares
pola súa disposición e axuda.
Sen
a colaboración de todos non sería posible. Grazas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario