21/7/12

Xa é público o proxecto de planta de biomasa de Mondariz


Este pasado xoves 19 de xullo fíxose público o proxecto de planta de biomasa de Mondariz mediante a Resolución do 15 de xuño de 2012, da Xefatura Territorial de Pontevedra, pola que “se somete a información pública a petición de autorización administrativa e a aprobación do modificado do proxecto de execución dunha planta de xeración eléctrica a partir de biomasa forestal primaria no municipio de Mondariz”.
O proxecto inicial contemplaba a localización de Ribadetea en Ponteareas. Tras ano e medio de loita social e de mobilización de diferentes colectivos, cun papel relevante do Ateneo, a empresa solicitou un cambio de localización do proxecto de planta o que é unha vitoria dos veciños e das veciñas ademais dos colectivos que se mobilizaron contra o proxecto de planta de biomasa en Ribadetea. 
Agora é un momento importante no que cómpre posicionarse en contra desta modificación do proxecto e organizarse novamente contra esta loucura biomásica.
 No novo proxecto determínase que se recollerían, como no caso de Ribadetea, 24.000 litros de auga diarios desde o Río Tea un espazo incluído na Rede Natura 2000 que se bombearían ate a localización prevista da planta. (tendo que salvar un desnivel de 150 metros...)
O proxecto forma parte do Concurso de biomasa desenvolvido a través do Decreto 149/2008 e tería unha potencia de 10 MW, o máximo permitido pola lexislación autonómica, cun consumo máis de 700.000 litros de auga ao mes, e precisaría dunhas 300 Toneladas diarias de biomasa o que favorecería o uso intensivo de cultivos enerxéticos (só destinados á súa queima) na Comarca coas consecuencias gravísimas que acarrearían para os montes do Condado.
Desde o Ateneo Libertario Lume Negro continuaremos, como vimos facendo desde que tivemos coñecemento do proxecto, coas tarefas de información á veciñanza e destapando as mentiras e a irracionalidade dun proxecto destas características.

2/7/12

Importante victoria no conflito polo proxecto de planta de biomasa

Tras ano e medio de loita da veciñanza e dos movementos sociais ponteareáns (fundamentalmente realizada por parte do Ateneo Libertario Lume Negro e da Asociación Ecoloxista ADENCO) acábase de lograr unha primeira importante victoria no conflicto. A semán pasada de xeito oficial tivemos constancia de que a empresa promotora ENGABIOMASA ten renunciado á localización de Ribadetea (Ponteareas) e vai tentar agora instalar a macroplanta no lugar de A Lagoa en Mondariz. Nos vindeiros días ou semanas vai a saír a información pública sobre a nova localización no boletín oficial da provincia e no diario oficial de Galicia.
Sen lugar a dúbidas é un paso importante pero o conflicto non vai a recuar.....
 As 320 toneladas de biomasa que precisaría queimar cada día, os 24.000 litros de auga diarios que consume, as emisións que provocaría, os impactos na saúde, o tráfico pesado, os cultivos enerxéticos asociados a un proxecto desta natureza, as 8.000 horas de funcionamento, a exportación de enerxía eléctrica de galiza ao resto da península, etc.... son motivos máis que suficientes para continuar a loita contra este macroproxecto incinerador dos nosos recursos e dos nosos montes....

Desde o Ateneo Libertario Lume Negro continuaremos coas tarefas informativas sobre todo o concerniente con esta clase de instalacións e animamos á veciñanza de Mondariz a organizarse contra este proxecto.
Nin en Ribadetea, nin en Mondariz!