28/3/11

O que deberiamos de saber sobre o proxecto de planta de biomasa I

Aínda que moita xente acaba de descubrir que existe a posibilidade da instalación dunha planta para producir electricidade a partires da queima da biomasa forestal en Ribadetea, certamente este proceso xa leva algún tempo en marcha. Neste texto imos a tratar de analizar os impactos que podería xerar esta planta en Ribadetea e na Comarca. Tamén poderemos coñecer as empresas que están detrás do proxecto así como a cronoloxía do mesmo e as posibilidades que existen no futuro máis perto con respecto a este proxecto.

Características do proxecto de planta de biomasa e posibles impactos

O proxecto de planta de biomasa de Ribadetea ten prevista unha potencia de 10 MW, o máximo permitido polo Decreto 149/2008. Esta construción contempla un edificio de 25 metros de altura no lugar da Lomba en Ribadetea, na antiga cerámica, cunha cheminea de 30 metros de altura.

Este proxecto de biomasa localizaríase nun núcleo habitado e moi perto de casas e edificacións. Apenas hai 30 metros ate a vivenda máis próxima. Esta planta provocaría emisións sonoras elevadas polo que xeraría impactos aos/ás veciñas/os que habitan nas vivendas da contorna.

Entre os impactos podemos destacar que a planta suporía un aumento do transporte pesado pola estrada, xa que esta instalación consumiría 106.920 Tn/ano,o que suporía 293 Tn/día, supondo que un camión pode levar sobre 14 Tn de biomasa, serían un total de 20 camións diarios. Realmente semella complicado que se poida manter este nivel de queima de biomasa, ou é que pensan queimar outros elementos? Ou, se cadra, van encher os nosos montes de cultivos enerxéticos (dos que falaremos máis adiante)?

Tamén é importante o consumo de auga de 25.000 litros diarios, de onde a sacarían?, do LIC do río Tea? ou deixarían os pozos sen auga?. Ademais esta auga unha vez usada tería que saír da planta, iría ate o río? Onde a botarían?

Suporía un aumento dos elementos contaminantes na zona, polo que xeraría importantes afeccións aos/ás veciños/as da Comarca e do Val do Tea.

No proceso de combustión da biomasa , emitiríanse hidrocarburos aromáticos policíclicos, que conteñen un largo grupo de compoñentes tóxicos, os cales poderían ser canceríxenos e xerar múltiples alerxias.

A instalación atoparíase a apenas 300 metros do Lugar de Interese Comunitario Río Tea e, sen embargo e grazas ó Decreto 149/2008, non se ten que facer un estudo de impacto ou efectos ambientais, realmente é algo inconcebible!.

Na zona da que se pretende retirar auga para a industria existe unha poboación de mexillón de río, Margaritifera margaritifera, especie en perigo de extinción segundo o Catálogo Nacional de Especies Ameazadas, polo que a alteración do hábitat poría en serio risco a poboación deste molusco na zona. Evidentemente, salvar a continuidade dunha especie como esta, debe desestimar a posibilidade de que se colla auga do LIC Río Tea. No lugar tamén habita unha especie de libeliña en perigo de extinción, como a Macromia splendens . Ademais a planta estaría moi perto (350 metros) dun lugar de captura para o programa de recuperación do salmón atlántico (Salmo salar).

Todas estas razóns xustifican amplamente que non se desenvolvese este proxecto de planta de biomasa nesta localización, sen embargo a tramitación da planta na antiga cerámica segue o seu curso….

O que deberiamos de saber sobre o proxecto de planta de biomasa II



Cronoloxía da planta de biomasa e proceso de autorización

Para poder entender que é o que está a suceder co proxecto de planta de biomasa e en que situación legal de atopa o proxecto temos que coñecer a lexislación que regula esta clase de instalacións en Galicia así como todo o procedemento que tivo lugar ate o de agora.

En xullo do ano 2008 aparece o elemento precursor e fundamental deste proceso, o Decreto 149/2008, do 26 de xuño, polo que se regula o procedemento de autorización das instalación de produción de enerxía eléctrica a partir da valorización enerxética da biomasa forestal primaria na comunidade autónoma de Galicia. (DOG 22/07/2008). Este Decreto é o punto de partida que determina como terán que ser as convocatorias das plantas de biomasa, así como o procedemento de autorización das devanditas plantas. O Decreto establece como potencia máxima a solicitar para cada proxecto os 10 MW e regula o rpocedemento de autorización, prazos, alegacións, requerimentos ambientais, etc.

Pouco despois aparece a Orde do 14 de novembro de 2008 pola que se determina o obxectivo de potencia máxima en megawatts para tramitar no período 2008-2012 e se abre o prazo para a presentación de solicitudes de autorización de centrais de biomasa (DOG 25/11/2008), como indica o seu título establécese a potencia máxima que se tramitará ao abeiro desta orde no período 2008-2012 que será de 80 MW e indica o período para presentar proxectos de plantas de biomasa.

A primeira vez que aparece no Diario Oficial de Galicia (DOG) o proxecto de planta de biomasa de Engabiomasa en Ponteareasa é na Resolución do 3 de xuño de 2009 pola que se aproba a lista provisional de anteproxectos admitidos e excluídos ao abeiro da Orde de 14 de novembro de 2008, pola que se determina o obxectivo de potencia máxima en magawatts para tramitar no período 2008-2012 e se abre o prazo para a presentación de solicitudes de autorización de centrais de biomasa (DOG 21/07/2009). Nesta resolución indícase que o proxecto de Engabiomasa de 10 MW de potencia (o máximo permitido polo Decreto 149/2008) foi presentado ó abeiro da Orde so 14 de novembro de 2008. Sen embargo , tamén se indica neste DOG que o proxecto de Engabiomasa atópase provisionalmente excluído polas seguintes causas: a número 04, Anteproxecto incompleto e a 05, Plan empresarial de aproveitamento da biomasa incompleto.

No DOG 28/06/2010, na Resolución do 30 de abril de 2010 pola que se aproba a relación de anteproxectos de instalacións de centrais de biomasa seleccionados consonte a orde do 14 de novembro de 2008 pola que se determina o obxectivo de potencia máxima en megavatios para tramitar no período 2008-2012 e se abre o prazo para a presentación de solicitudes de autorización de centrais de biomasa, podemos observar como se escolle un proxecto por cada unha das 7 áreas de xestión da biomasa. Esta selección realízase conforme ás puntuacións obtidas por cada un dos proxectos. Os criterios para a selección, dos que cando menos os dous primeiros dependen claramente da localización física do proxecto, son os seguintes:

Criterio

Peso relativo

Xustificación

Proximidade e centralidade ás áreas de produción de biomasa

30%

A dispoñibilidade (volume) e proximidade ao recurso (BFP) é un dos factores máis limitantes neste tipo de centrais.

Comunicación e accesibilidade

30%

A comunicación e accesibilidade redundará directamente sobre os custos unitarios da materia prima a pé de fabrica.

Sistema de control de procedencia e rastrexabilidade

10%

O feito de aplicar diferentes primas segundo a orixe do material (subgrupos b.6) obrigará a establecer un sistema eficaz de rastrexabilidade.

Impacto socioeconómico

(creación de emprego)

20%

Consonte as políticas de emprego europeas e nacionais, respecto ao favorecemento do emprego e especialmente á participación das mulleres.

Participación de produtoras de

biomasa forestal primaria

10%

O aseguramento continuado da materia prima pasa ineludiblemente por involucrar os titulares ou xestores dos montes en que se produce esta biomasa.

Na Área de Xestión de Biomasa número 6, Condado Paradanta, o proxecto escollido é o de ENCE cunha potencia de 10 MW e unha puntuación de 6,50 ptos. Sen embargo e como coa selección destes proxectos non se chegaba ós 80 MW establecidos na Orde do 14 de novembro, selecciónanse outros proxectos. Aquí é cando é escollido o proxecto de Energía Galega da Biomasa, S.L. en Ponteareas cunha potencia de 10 MW e unha puntuación de 5,75. Hai que ter en conta que na AXB número 6 aparecen un total de 5 proxectos como suplentes, entre eles un en Salvaterra e outro en Salvaterra-As Neves.

Nesta mesma Resolución hai outro elemento de importancia, xa que “Os informes emitidos de cada unha das solicitudes sobre necesidade de sometemento a avaliación ambiental por parte da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas recollidos no artigo 9.3º do Decreto 149/2008, do 26 de xuño, indican que, coa excepción de dous anteproxectos, non procede o sometemento dos anteproxectos obxecto de consulta ao trámite de impacto ou efectos ambientais.” (Fundamento de dereito terceiro desta Resolución). Ou ,o que é o mesmo, determínase que o Proxecto de planta de biomasa de Engabiomasa en Ponteareas non ten que facer unha Declaración de Impacto ou Efectos Ambientais, a pesares de que a Consellería xa coñecía a localización proposta por esta empresa e, consecuentemente os posibles impactos.

Seguindo o procedemento de autorización do Decreto 149/2008 aparece a finais do 2010 0 Acordo do 30 de novembro de 2010, do departamento territorial de Pontevedra, polo que se somete a información pública a petición de autorización a aprobación do proxecto de execución da planta de xeración eléctrica a partir de biomasa forestal primaria no concello de Ponteareas(Expediente IN407A 10/351-4) (DOG 20/12/2010). Esta é a primeira vez que os/as veciños/as de Ribadetea, de Ponteareas e da Comarca coñecemos oficialmente a localización da planta de biomasa. Así, nesta información pública, indícanse as características técnicas da planta de biomasa así como que “A instalación está situada na Lomba, Ribadetea, Ponteareas”. Este Acordo establece, conforme ó Decreto 149/2008 un prazo de 30 días para poder consultar o proxecto e realizar alegacións. Este período coincidiu con tódalas festas do nadal o que fixo que moitas persoas, colectivos, asociacións, etc non se decatasen deste prazo ate uns poucos días antes do remate. Ademais, cómpre ter en conta que o proxecto é de máis de 1000 páxinas o que dificultou enormemente a análise. A pesares desta situación houbo moitas alegacións ao proxecto, entre as que se atopan as realizadas polas/os veciñas/os da Freixa, ADENCO, PSOE, etc.

O que deberiamos de saber sobre o proxecto de planta de biomasa III


Datos sobre a empresa

Segundo o proxecto “Planta de generación eléctrica a partir de biomasa forestal primaria de potencia 10 MW” exposto no Concello de Ponteareas do 20 de decembro de 2010 ate o 20 de xaneiro de 2011 a empresa solicitante é Enerxía Galega da Biomasa, S.L. (ENGABIOMASA ) que, á súa vez, está formada polas seguintes empresas:

Energía de Galicia, S.A. (ENGASA) Empresa galega que traballa no ámbito da enerxía. Dentro dos seus accionistas está CENTRAL ELECTRICA MACEIRA S.L. que, á súa vez é propiedade de CENTRAL ELECTRICA SESTELO Y COMPAÑÍA, S.A Na páxina web da empresa podemos ver como parece o proxecto de planta de biomasa.

Dalkia. Esta empresa é unha multinacional francesa que pertence ao grupo de Veolia Environnement e que traballa entre outros ámbitos nas enerxías renovables. Na páxina web de Dalkia España aparece, en actualidade, destacado o proxecto de planta de biomasa de ENGABIOMASA. A finais de maio de 2010 esta empresa presentaba nun salón internacional de enerxía en Barcelona os seus proxectos entre os que destacaba a planta de biomasa, así podemos ler na seguinte nova que: “adxudicataria do proxecto de construción e explotación dunha nova central de Biomasa en Pontevedra, Galicia. Dalkia, a través da súa filial en Galicia Altair, xestionará unha superficie forestal de 12.500 hectáreas e construirá unha central de biomasa que ocupará 3 hectáreas dentro do espazo de 8 hectáreas dun futuro parque enerxético no que tamén se fará unha central de biogás. O proxecto suporá a inversión de máis de 28 millóns de euros cun contrato a 15 años e a potencia eléctrica acumulada total será de 10 MW o equivalente ao consumo duns 6.000 fogares. Na financiación deste proxecto participan tamén Banco Santander, Caja Madrid, Banesto e Dexia. Para a realización do proxecto se creará unha nova sociedade: ENGABIOMASA, S.A. formada por Dalkia e por tres empresas locais: ENGASA (distribución de enerxías renovables en Galicia), DEENMA (despacho de enerxía especializado no estudo de proxectos do sector enerxético) e MACEIRA (distribuidor de enerxía da zona de O Condado a Parananta (SIC)). “

C.E. Maceira S.L. Empresa adicada á produción de enerxía participada ao 100% pola Central Eléctrica Sestelo y Compañía, S.L.

Development Engineeering and Management, S.L. (DEENMA) Esta empresa ten a súa sede en Madrid e traballa tamén no sector da enerxía.

O futuro

O procedemento de autorización desta planta segue o seu curso. Como puidemos ver, o proceso xa leva algún tempo e a selección deste proxecto está claramente condicionado á ubicación que propuxo a empresa, A Lomba Ribadetea. As puntuacións, os informes das consellerías, as alegacións e a información pública, etc… todos estes elementos necesarios para a posible autorización da planta están feitos en torno ó proxecto de Engabiomasa e á ubicación que propuxeron.

Agora mesmo atopámonos no proceso de resolución do proceso. A xunta ten que tomar unha decisión con respecto á autorización da planta en Ribadetea tendo en conta as alegacións presentadas. As solucións poden ser as seguintes:

Que a Consellería resolva positivamente á solicitude de autorización e se poida instalar en Ribadetea

Que a Consellería resolva negativamente á solicitude de autorización en base ás alegacións presentadas

Que a Consellería resolva negativamente á solicitude de autorización porque a empresa promotora do proxecto desista da súa localización.

Esta última é a opción na que os veciños e as veciñas podemos tratar de potenciar. Temos que deixarlle claro ós nosos políticos que teñen que indicarlle claramente á empresa que a veciñanza non quere a planta de biomasa nesta localización polos múltiples impactos que tería a nivel ambiental e social.

A pesares das novas que, sen ningún rigor, están a saír na prensa nas derradeiras semanas e que indican que é posible mover a ubicación da planta de biomasa de Ribadetea, esta posibilidade non semella legalmente posible a día de hoxe.

Os “globos sonda” da prensa parecen ter o interese de desviar a atención, gañar tempo nun momento de máxima importancia no proceso de autorización administrativa e desmobilizar ás/aos veciñas/os.

Sen embargo, temos que ter claro que a empresa ten moito interese en conseguir esta autorización e a razón non é outra que a rendabilidade económica da instalación. Segundo os datos do proxecto da empresa, a facturación anual provinte da venda da enerxía da instalación sería de 9.192.765 € que reverterían, evidentemente, na empresa e non na veciñanza. Na Comarca do Condado certamente non hai moitas empresas que facturen estas cantidades! A pesares de que o presuposto da planta é de 26.931.175 €, este investimento amortizaríase en apenas 7 anos. A produción de enerxía eléctrica a partires da biomasa forestal está dentro da produción do réxime especial e, polo tanto, a unidade enerxética producida ten unha prima pagada polo estado. No ano 2010 a produción d enerxía dentro do réxime especial percibiu segundo o Informe mensual de vendas de enerxía do réxime especial (Comisión Nacional da Enerxía) unha prima de máis de 7.000 millóns de euros.

Tamén é preciso coñecer que fai poucas datas a Unión Europea (UE) acaba de conceder un proxecto denominado Silvaplus para investigar e fomentar o uso da biomasa forestal na zona sur de Galicia e o Norte de Portugal. A UE aportará 565.000 € para o proxecto entre os que se atopan os seguintes socios: Concello de Ponteareas, Concello de Tomiño, ENGABIOMASA, a Asociación Forestal de Galicia, etc. Que intereses ten o Concello de Ponteareas no fomento da biomasa con fins enerxéticos?.

Na nosa Comarca existen exemplos de iniciativas dinamizadoras silvopastorais ou de compostaxe de restos forestais que temos na comarca, que crean emprego e coidan os seus recursos dun xeito máis racional. Así Abonos Lourido leva perto de 20 anos demostrando en Rebordecháns (Crecente) que a biomasa pódese compostar como se facía tradicionalmente evitando problemas de lumes forestais pero sen perder fertilidade, nin ser agresivos co monte. Esta iniciativa crea emprego e ten unha inversión comparativamente moi escasa con respecto a unha planta de biomasa. Máis tamén se pode controlar o mato e xerar emprego con proxectos silvopastorais como o de Cabeiras (Arbo), no que se produce carne de caprino ecolóxica.

O que deberiamos de saber sobre o proxecto de planta de biomasa IV


Os cultivos enerxéticos

Nos derradeiros meses estase tratando de fomentar por algunhas entidades forestais, por grandes empresas e pola administración galega o fomento do emprego da biomasa para producir electricidade. Sen embargo e neste contexto, admítese que o emprego a grande escala deste clase de produción enerxética requiriría do emprego de grandes extensións de monte para “cultivos enerxéticos”. Os cultivos enerxéticos son aqueles que teñen como fin a obtención de enerxía mediante a súa queima. Para que entendamos en que consisten esta clase de cultivos imaxinemos plantacións de eucaliptos, chopos ou outras especies foráneas con ciclos de corta de 5, 6 ou 7 anos cunha densidade o máis mesta posible coa intención de queimar esta biomasa para obter electricidade. Este tipo de cultivos provoca unha merma da fertilidade do solo. Ademais de que esta clase de cultivos soe estar xestionada por empresas privadas que empregan pesticidas e maquinaria pesada para recoller a biomasa que, posteriormente, será astillada e secada para a súa posterior queima para producir electricidade. No proxecto Silvaplus no que, como vimos anteriormente, participan o Concello de Ponteareas e Engabiomasa mesmo se chega a falar do emprego sostible do eucalipto, seica nos queren enganar novamente para que cedamos os nosos montes a empresas privadas para producir cultivos enerxéticos!

Recentemente acaba de saír publicado o Decreto 45/2011, do 10 de marzo, polo que se regula o fomento das agrupacións de propietarios forestais, os requisitos e cualificación das sociedades de fomento forestal e a creación do seu rexistro. Este Decreto abre a posibilidade da entrada de capital privado nos montes para executar o aproveitamento da biomasa foresta. Poderá ser socia dunha sociedade de fomento forestal calquera persoa física ou xurídica, con independencia de que teña a propiedade forestal ou non. (Artigo 8.1). O tamaño mínimo para un aproveitamento de cultivos enerxéticos é de 50 hectáreas que poderán ser cedidas para o seu uso por un período indeterminado ou determinado que nunca será menor a 25 anos. (Artigo 9º). Certamente este Decreto está totalmente relacionado co proceso de posta en marcha das centrais de biomasa e é un intento de privatizar aínda máis o noso monte.

Conclusións

O proxecto de planta de biomasa en Ribadetea provocaría moitos impactos para as/os veciñas/os desta parroquia e do resto do Concello e da Comarca como os ruidos, molestias , tráfico, afeccións á saúde, etc. Esta industria tamén xeraría moitos e importantes impactos ambientais nun lugar de tanto interese como o río Tea. Por outra banda, o emprego discrecional de cultivos enerxéticos sería un grande perigo para os montes da nosa Comarca e non solucionaría os problemas que temos no rural, senón que provocaría outros novos.

Na situación actual o procedemento administrativo do proxecto de planta de biomasa en Ribadetea continúa os seus trámites. En poucos meses a Xunta de Galicia terá que decidir sobre a solicitude de autorización efectuada pola empresa e, se a empresa non desiste desta localización, é posible que a resolución sexa positiva.

É importante que esteamos informados e atentos a todo o que teña que ver co proxecto de planta, xa que a vida na nosa Comarca pode cambiar con esta instalación. Tamén temos que saber que, coa unión e coa presión veciñal, podemos conseguir que esta instalación non se instale na localización elixida.

Chegou o momento de informarse e organizarse.