21/7/12

Xa é público o proxecto de planta de biomasa de Mondariz


Este pasado xoves 19 de xullo fíxose público o proxecto de planta de biomasa de Mondariz mediante a Resolución do 15 de xuño de 2012, da Xefatura Territorial de Pontevedra, pola que “se somete a información pública a petición de autorización administrativa e a aprobación do modificado do proxecto de execución dunha planta de xeración eléctrica a partir de biomasa forestal primaria no municipio de Mondariz”.
O proxecto inicial contemplaba a localización de Ribadetea en Ponteareas. Tras ano e medio de loita social e de mobilización de diferentes colectivos, cun papel relevante do Ateneo, a empresa solicitou un cambio de localización do proxecto de planta o que é unha vitoria dos veciños e das veciñas ademais dos colectivos que se mobilizaron contra o proxecto de planta de biomasa en Ribadetea. 
Agora é un momento importante no que cómpre posicionarse en contra desta modificación do proxecto e organizarse novamente contra esta loucura biomásica.
 No novo proxecto determínase que se recollerían, como no caso de Ribadetea, 24.000 litros de auga diarios desde o Río Tea un espazo incluído na Rede Natura 2000 que se bombearían ate a localización prevista da planta. (tendo que salvar un desnivel de 150 metros...)
O proxecto forma parte do Concurso de biomasa desenvolvido a través do Decreto 149/2008 e tería unha potencia de 10 MW, o máximo permitido pola lexislación autonómica, cun consumo máis de 700.000 litros de auga ao mes, e precisaría dunhas 300 Toneladas diarias de biomasa o que favorecería o uso intensivo de cultivos enerxéticos (só destinados á súa queima) na Comarca coas consecuencias gravísimas que acarrearían para os montes do Condado.
Desde o Ateneo Libertario Lume Negro continuaremos, como vimos facendo desde que tivemos coñecemento do proxecto, coas tarefas de información á veciñanza e destapando as mentiras e a irracionalidade dun proxecto destas características.

No hay comentarios:

Publicar un comentario