16/3/12

Valoración da charla de Pedro García Olivo


O venres da semana pasada, no local social O Fresco, o Ateneo Lume Negro celebrou unha charla, na que o invitado era o sempre polémico Pedro García Olivo. O título elixido era “Enemigos de la escuela por amor a la educación. El inter-texto anti-pedagógico”, na que falaba sobre outras modalidades educativas, como a xitana, a indíxena e a rural-marxinal, utilizando os aspectos positivos de ditas alternativas para criticar o modelo educativo occidental en xeral.
En canto á charla propiamente dita, cremos que se pode facer unha valoración moi positiva, tanto dende unha perspectiva estrutural como argumental, independentemente do punto de vista e opinión de cada quen. En calquera caso, cómpre ter en conta que o tema en cuestión é bastante complexo como para condensalo nunha hora e pico que foi o que durou.
O número de asistentes foi inesperadamente elevado, de feito houbo xente que tivo que quedar de pé o tempo todo debido á falta de sillas; nalgúns momentos a calidade do son non foi a mellor por ruídos e interferencias varias, causas alleas á nosa vontade que escapaban á nosa capacidade de organización. Con todo, e a pesar das circunstancias, dende o Ateneo Lume Negro facemos unha valoración positiva do acto en xeral.
Queremos aproveitar esta ocasión para manifestarlles o noso agradecemento tanto ó colectivo O Fresco, que puxo á nosa disposición o seu local, como a tódolos asistentes, que coa súa asistencia e participación fixeron posible a celebración desta charla.
Así mesmo, tamén queremos amosar a nosa gratitude a Unión Libertaria por ofrecernos a oportunidade de poder a traer de novo a Ponteareas a P. G. Olivo, a quen tamén lle agradecemos a súa disposición e xenerosidade ó compartir con nós as súas inquietudes.

No hay comentarios:

Publicar un comentario