30/10/09

Cronoloxía e crónica dun (outro) despropósito

21-22 febreiro 2005: Apróbase en pleno o convenio entre o Concello e os propietarios (tres sociedades limitadas): Mediante el os propietarios ceden o terreo (8.000 metros cadrados) onde se vai construír o novo I.E.S. a cambio dunha determinada edificabilidade no terreo restante.
1 marzo 2005: Procédese á sinatura do convenio.
3 xuño 2006: Formalízase a escritura pública de cesión e segregación dos terreos.
13 setembro 2005: Cédese o terreo á Consellería de Educación en acordo plenario.
5 decembro 2005: A Consellería de Economía e Facenda acepta a cesión do terreo.
15 maio 2006: A Comisión superior de Urbanismo da Xunta de Galicia emite informe “... a fin de garantir debidamente o acceso e a seguridade dos usuarios, compre que se complete o proxecto coa debida previsión tanto de acceso rodado o I.E.S. como tamén de acceso peonil, primordialmente dende o casco urbano, alternativo á Estrada Nacional 120”.
25 setembro 2006: A Delegación Provincial da Consellería de Política Territorial dirixe oficio ó Concello no que establece que as dúas condicións básicas e imprescindibles para a construcción do edificio son garantir os servicios das novas instalacións e o acceso seguro para os usuarios.
12 decembro 2006: Informe favorable ó proxecto pola Comisión Superior de Urbanismo (recomenda sexan adoptadas todas as medidas para impedir o acceso ó colexio desde a nacional 120, agás situacións excepcionais e emerxencias; indica que o proxecto sexa executado levando a cabo o acceso rodado e peonil apoiándose no Colexio público Maestro Sabell Mosquera, facendo uso do camiño público acondicionado e garantido polo Concello. Compre resaltar que nin o camiño nin a nacional 120 lindan directamente coa parcela destinada ó I.E.S.
28 decembro 2006 Informe favorable do Consello da Xunta.
9 decembro 2008 Modifícase o convenio orixinal.
16 setembro 2009: Presentación do curso nos I.E.S. Val do Tea e Pedra de Auga
17 setembro 2009: Comezo das clases nos dous I.E.S.
18 setembro 2009: Xuntanza do profesorado cos pais e nais do alumnado do I.E.S. do Barral; en principio ía haber unha soa reunión (ás 19 h.); a última hora decidiuse que foran dúas (unha ás 17 h. e outra ás 19 h.: ¿manobra de distracción e división?). Preséntanse vontarios/as para formar unha plataforma de afectados/as. Reúnense os pais e nais fora do I.E.S. e quedan para o seguinte día nunha cafetería, alí se conforma de xeito definitivo a plataforma e acórdase comezar a manifestarse a partir dese día e que os rapaces e rapazas non asistan a clase pola tarde. Desde este día os membros da plataforma xúntanse case a diario para decidir as novas accións.
21 setembro 2009: Primeira manifestación desde o I.E.S. Val do Tea ata o Concello, concentración diante do edificio.
22 setembro 2009: Segunda manifestación desde o I.E.S. Val do Tea ata o Concello, concentración diante do edificio.
23 setembro 2009: Terceira manifestación desde o I.E.S. Val do Tea ata o Concello, concentración diante do edificio. Iníciase expediente de expropiación do terreo.
24 setembro 2009: Cuarta manifestación desde o I.E.S. Val do Tea ata o Concello, concentración diante do edificio. Membros da plataforma reciben chamadas para xuntarse cos responsables de Educación en Pontevedra, son citados e citadas para o luns próximo pero optan por forzar unha xuntanza o venres inmediato seguinte.
25 setembro 2009: Xuntanza en Pontevedra da plataforma cos responsábeis de Educación (Secretario Xeral, Xefe Territorial, Delegada da zona, alcalde de Ponteareas...). Trasládanse logo a Ponteareas para buscar locais alternativos para ter clases pola mañá, visitan o Conservatorio municipal... Pola tarde manifestación multitudinaria polas rúas de Ponteareas.
26 setembro 2009: Asamblea dos pais e nais no Parque da Visoureira en Guláns.
28 setembro 2009: Ocúpase o salón de plenos do Concello. Viaxe a Madrid para negociar cos propietarios (as dúas promotoras que non cedían o terreo, unha xa accedera desde o principio, ante a perspectiva da expropiación recuaron e chamaron á outra parte para negociar).
29 setembro 2009 Segue ocupado o Concello. Convócase pleno para desistir da expropiación.
30 setembro 2009 Última noite de ocupación do Concello.
1 outubro de 2009 Äs oito trinta da mañá celébrase o pleno e desístese oficialmente da expropiación, comezan as obras no I.E.S. e se deixan libres as dependencias municipais.
7 outubro 2009 Comezan as clases no I.E.S. Perdéronse en total trece días de clase.

1 comentario:

  1. Ola, son un veciño de Ponteareas e pásome por aquí a raíz da nota que lin na Voz de Galicia. Gustoume a idea do proxecto e estarei atento ós adefesios e burradas, que habernas hainas.

    Por outra parte quería comentar que son un pai afectado do IES do Barral, e membro da Plataforma que creáramos para solucionar o tema. Estiven nas mobilizacións e nas reunións en Pontevedra. En xeral quedáramos contentos coa solución do problema. Ata demos un marxen para que axeitaran o acceso peonil, dado que sabemos que non todo se pode facer en dous días. Hoxe, máis de tres semanas despóis, teño que dicir que (como sempre neste tipo de cousas) me sinto enganado. Tal acceso aínda non está rematado, pero o máis triste é que os rapaces que van por el teñen que saltar unha valla porque o Conserxe do Ramiro Sabell (emprgado do Concello) non lle peta abrila cancela que existe no medio. Un desastre.

    Tamén nos fastidia moito, que despóis de vendernos a moto, por parte da Consellería de Educación, dicindo que o instituto estaba totalmente rematado e só lles faltaban os accesos, comprobamos agora que ten innumerables carencias. Tales como que non ten libros na biblioteca, escasez de ordenadores, falta de material no ximnasio, e na aula de tecnoloxía... En fin, todo mentiras.

    Se queredes ollar algo sobre o tema, consultadeo o blog que crearamos da plataforma:
    http://plataformaies.blogspot.com

    E este blog é o particular meu, gustaríame que lle botásedes unha ollada, xa que falo temas da miña parroquia de Areas, e de Ponteareas en xeral, tanto boas como queixas, que por desgraza hai bastantes:
    http://areasfs.blogspot.com

    Xa rebuscaren pola etiquta de queixas, que algunha burrada sei que hai.

    Un saudiño dende Areas

    ResponderEliminar